Friday 17 de May de 2024

O Concello aposta por darlle apoio á Banda Deseñada ao longo do ano


A alcaldesa Inés Rey asegurou na inauguración de Viñetas desde o Atlántico que o salón forma parte do verán coruñés e que o respaldo ao xénero ten que ser constante para evitar que os talentos emigren ou abandonen a profesión

A alcaldesa Inés Rey acudiu esta tarde á inauguración do salón internacional Viñetas desde o Atlántico, que dará boa conta ata o domingo do momento actual da Banda Deseñada a nivel estatal e internacional coa presenza de autores consolidados e outros que mesturan o xénero con outras artes e que estarán esta semana compartindo a súa experiencia na cidade.

A rexedora destacou que a edición deste ano está marcada pola orixinalidade á hora de presentar as propostas en papel, de contar historietas que van máis alá da forma habitual de traballalas.

Rey falou do compromiso do Concello por afianzar a cita co fin de respaldar ao colectivo para que siga a ter no salón un espazo onde achegar as súas novidades, pero tamén ao longo do ano e tratar de evitar así que os ilustradores e guionistas emigren ou abandonen a profesión por falta de oportunidades. Do conseguido, a alcaldesa agradeceu ao director do festival, Miguel Anxo Prado, o feito de converter Viñetas desde o Atlántico nun evento que forma parte do verán coruñés e por facer que sexa de todos xa que o salón naceu e medrou con esa idea de non acotar público e alimentar aos entendidos e aos que non o son.

Da situación actual, falou o director do festival, Miguelanxo Prado, quen remarcou a madurez dunha linguaxe que se dirixe a públicos máis específicos, que discorren por estradas secundarias e, ao mesmo tempo, a un amplo espectro, que camiñan por autoestradas, de maneira que uns e outros fan que o ecosistema sexa neste

momento moito máis rico e plural. Nesa teima por evolucionar, os autores desta entrega, dos que repasou as súas traxectorias, van a outras formas de encarar a creación. Distintas.